Login Form



Translator



xustificación PDF Print E-mail
xeral - material multimedia

(texto lido nas Xornadas da didáctica da filosofía 2007)

Comecei a interesarme na idea de facer unha serie de manuais novos de filosofía: novos porque non explicasen ao filósofo mediante máis filosofía senón mediante outros medios que non foran os estrictamente filosóficos. Relacionar aos filósofos coa historiado arte, coas imaxes, coa música, cos sons... E pouco a pouco funme convencendo de que isto era posible e ata necesario, e de que incluso todos estes recursos que non deixaban de ser audiovisuais podíanse reunir nunha película, unha especie de filme ou curtametraxe, que falase, dalgunha maneira, da filosofía de cada filósofo. Ao cabo... non levaba xa hai tempo o cine relacionándose co pensamento e coa filosofía?

Do que se trataba era de amosar mediante imaxes a forza (a virtude) que a filosofía ten para pensar algún aspecto da nosa contemporaneidade: un tema transversal. Mais había que ter en conta algo importante: amosar esta forza, non era representala, é dicir, non era dar unha imaxe que se referise ao filósofo xa construída e rematada, senón que, había que argallalo de tal maneira que imaxe e son da película fixeran por ser imaxe e son da propia voz do filósofo, do seu propio pensamento, do seu propio texto... E é aquí onde me atopei co verdadeiro secreto e o verdadeiro reto da tarefa: saír do paradigma da representación. Darlle virtualidade audiovisual aos textos filosóficos sen levalos por iso á representación, á imaxe fixa, ao ilustrativo.

O tema escollido como primeiro ensaio foi a caverna de Platón. Un tema nada casual. Propiamente trátase dun espacio onde o proxecto ten un sentido que fala de si mesmo... Claro, algún deu en pensar: é que é a única maneira que tes de facer falar unha filosofía a través do audiovisual! E eu respondo: pois non. Pola contra, penso que esa é máis ben a lectura negativa do que este vídeo que vos vou presentar supón. De feito xa teño guións elaborados, para tratar entre outros a Hegel, neste mesmo escenario da cidade de Santiago de Compostela, tratar a Descartes en referencia ao tema transversal da educación para o consumo e o tempo libre; tratar a Nietzsche en relación co tema transversal da educación para a saúde... Son guións estes que están en proceso, algúns máis que outros, mais para os que xa vanse abrindo de feito claridades...

Do que se trata é de crear uns pequenos manuais multimedia sobre diferentes filósofos: materiais que se poidan empregar en bacharelato e que aporten significatividade aos contidos da materia, que dean aos alumn@s qué pensar, que os conecten con aspectos contemporáneos: é dicir, de novo, os temas transversais. Estes pequenos manuais estarían compostos por un libro-DVD que contería ademais da película (curtametraxe) de cada filósofo, un glosario cos conceptos máis importantes da súa filosofía facendo ver tamén cómo estes conceptos están na nosa contemporaneidade, de qué maneira están na nosa contemporaneidade. Para rematar, engadiríase no manual unha serie de referencias comentadas doutros estudios sobre o tema; que neste caso, da caverna Platón, serían as referencias de Heidegger, E. Lledó, V. Gómez Pin, José Saramago...

Trátase pois dun material novo: que permite en grande medida contrarrestar a exclusividade de medios cos que contan as materias das Humanidades. Precisamos outros recursos para activar nestas ciencias as calidades que lles son propias: a síntese, a memoria, o recoñecemento, a identidade, a comprensión, o asombro estético... que non se estimulan co exclusivo recurso lectivo-maxistral ao que normalmente estamos abocados.

O que este tipo de vídeo esixe e suxestiona no alumn@ é sobre todo o desenvolvemento da súa capacidade de síntese, de pensar simultaneamente, así como favorece e estimula a súa sensibilidade estética de asombro. A memoria en sentido amplo e o interese pola tradición tamén son favorecidos ao achegar os textos antigos ás superficies (películas) contemporáneas onde adquiren sentido estes textos.

É dicir, o proxecto funciona cando, sen necesidade de forzar as cousas, filmando unha realidade, unha superficie, unha pel-ícula, contemporánea poidamos botar sobre ela (sobre esa superficie) os textos filosóficos e ambos: tanto as imaxes como os textos, gañen, cobren, adquiran sentido.

En definitiva, presento un vídeo que feito con non moitos medios, sen presuposto de ningún tipo, me parece que recolle con tino a forza do antigo relato platónico, sen por elo dar unha imaxe do filósofo; é dicir, unha imaxe rematada e pechada do seu sistema, máis si favorecendo o seu interese e significatividade contemporáneos. Se isto é así ou non é algo que, agora, tócavolo xulgar a vós.

Con este motivo, aberto ás vosas cuestións e suxerencias, teño o gusto de presentarvos, dentro deste proxecto de innovación pedagóxica, a curtametraxe de... A caverna de Platón...

 

Newsflash