Login Form



Translator



clínica da razón PDF Print E-mail
xeral - glosario de conceptos
Contra unha crítica da razón moderna, tipicamente ilustrada, kantiana... neste proxecto defendemos unha clínica da razón. En que consiste? A razón non se pode xulgar a si mesma dende unha posición estática, suxeita, identitaria. Non pode consevar a diferenza, mais que como algo que-se-diferencia; no seu seo. É dicir, a crítica como xuízo que se volve sobre si mesmo transfórmase nunha clínica na medida en que ese xuízo devén o seu propio obxecto, nunha operación rizomática e resoante. Clínica é comprender a casi-causa do que nós somos, como subxectividades; comprender que o propio xuízo que facemos sobre nós inflúe xa niso que somos e que xulgamos, que non o podemos ver e xulgar dende fóra o que somos, separadamente, como parece pretender Kant... Do mesmo modo que no cálculo infinitesimal, soamente cabe unha continua aproximación á curva, á in-clinación, á derivada, ao devir que somos in-substancialmente. Porque na medida en que nos aproximemos a un punto do noso devir, e tratemos de averiguar a súa verdade, teremos que saber, recoñecer, que no instante seguinte, a posición xa virá dada por outro cálculo, por outra razón, a posición terá cambiado e polo tanto o xuízo tamén. Clínica é por iso a verdadeira operación da subxectividade e o que permite a súa liberación tamén: pois permite comprender cómo esa subxectividade deixa de estar suxeita, referida a unha posición fixa, de identidade; introducímonos no devir curvo, clínico, integral... das facultades, onde todas elas, dende a máis intelectual ata a máis emocional e sensacional (dor, risa, pracer, gracia, angustia...) forman parte do máis substancial do eu, que pasa a ser o máis in-substancial [in(dentro)substancial], pois o que permanece en cada instante cambia, e soamente se comprende seguindo o continuum da súa curva, do seu devir, derivada, in-clinación... A clínica da razón é o verdadeiro laboratorio das ciencias humanas, alí onde se traballa a subxectividade en vez da obxectividade das ciencias exactas [ver artigo de reivindicación laboratorio das ciencias humanas], alí onde unha nova maneira de comprendernos consigue tamén unha nova maneira de estar-no-mundo. Este nova maneira de estar-no-mundo, com-porta, incluso im-porta, unha nova relación coa materia e as cousas, marcada pola desterritorialización (Deleuze-Guattari), pois a mesma disolución da permanencia do suxeito na curva da súa in-clinación im-plica unha disolución do territorio como obxectividades dominadas externamente baixo unha posición fixa... O territorio pasa a ser terra: materia excitada e emerxente, que terá un modo peculiar de traballarse, de ocuparse, de habitarse, de re-territorializarse nela... A través das artes contemporáneas, é como se pretende configurar este laboratorio da clínica da razón e determinar (in-determinar) esta nova maneira de estar-no-mundo: mediante a performance, a danza contemporánea como maneira de habitar, de poboar, de estar-no-mundo en pé sobre a terra sen ocupala en tanto que territorio... A confabulación destas artes contemporáneas (tamén o son e a imaxe) lévannos ata o vídeo e a gravación audiovisual como plan(o) de desterritorialización por excelencia, no que o virtual da imaxe e o son, da gravación, son forza e potencia para esta clínica do suxeito [véxase tele-Visión], son plan(o)s que na medida en que sexan máis e máis virtuais terán a capacidade e a potencia de ocultar, negar, retirar, prescindir... (d)unha actualidade e obxectividade do mundo entorno determinada e polo tanto non darlle pé á subxectividade a territorializarse xamáis nas mesmas, senón obrigala a fluír e desterritorializarse sempre, a torcerse e in-clinarse. ante as in-esperadas perspectivas que adquira o acontecemento.
 

Newsflash